Friday 19 de April de 2024

O BNG pide priorizar o mantemento dos equipamentos e espazos públicos


O BNG rexistra novas iniciativas para aumentar o mantemento do mobiliario urbano, zonas verdes e parques infantís, así como restaurar a dorna de Patiño situada no Touro.

Os nacionalistas poñen o foco na situación de deterioro avanzado da Dorna de Patiño, embarcación emblemática en Ribeira, para recriminar “a desidia dun goberno local que descoida o mantemento dos espazos e equipamentos públicos mentres investe millóns de euros en cemento e obras megalómanas”.

O portavoz do Bloque, Luís Pérez Barral, recrimina que o Partido Popular está descoidando o patrimonio cultural e histórico que ten Ribeira, cuestión que se estende ao mobiliario urbano, parques infantís e áreas de lecer que presentan un estado de conservación e limpeza moi deficiente.

Desde o BNG fanse eco das queixas veciñais e lembran que a primeira medida que presentaron neste mandato foi un plan de mantemento de equipamentos públicos que polo momento o goberno do señor Ruiz foi incapaz de poñer en marcha a pesar de ser aprobado por unanimidade en pleno.

Para o BNG non é razoábel o mal estado e a falta de limpeza no que se atopan os espazos e bens públicos e esixirán novamente que se implemente o plan de mantemento anual proposto polo Bloque.